Sex Museum, Tachenko, Los Bengala, Nave Nodriza e Aula 11: un cartel de primeira para o Rockin

Información
14 Abril 2016

O Rockin’ Carballo chega disposto a conquistar a todas as xeracións cun festival que non ten idade pero si un requisito: que che guste o rock. O festival das festas de San Xoán presenta un cartel de primeira con grupos como o mítico Sex Museum, unha banda madrileña que leva tres décadas sobre os escenarios, que ten máis de dez discos e que foi portada de Ruta 66. Están considerados como un dos mellores grupos españois de rock e son das primeiras referencias internacionais. Con novo disco e en plena xira, chegarán a Carballo o 17 de xuño para demostrar que se son unha banda de culto é por algo.
Dende Zaragoza chegará outro dos grandes nomes do cartel do Rockin’ 2016, Tachenko, herdeiro de El Niño Gusano, unha banda fundamental para entender a música alternativa española dos noventa. Con cinco discos e tres EP, Tachenko é unha banda con moitas táboas dentro do pop, que sobre o escenario deixa fluír a súa vena máis rockeira. Grandes letras, boas voces e un excelente directo conquistarán a todo tipo de público. Tamén dende Zaragoza chegarán Los Bengala, o tándem formado por Guillermo Sinnerman á guitarra e Borja Téllez á batería. Dúas voces e dous instrumentos que son quen de contaxiar un ritmo feroz.

Rock galego de calidade

O rock galego tamén terá o seu propio espazo no festival do San Xoán. O trío coruñés Nave Nodriza chegará a Carballo co seu punk-garaxe ruidoso e contundente, e cun disco baixo o brazo. Son catro, son de Carballo e aínda non son maiores de idade. Falamos de Aula 11, a representación local no Rockin’ 2016. A banda de Juan Rodríguez, Manu Eirín, Jaime Regueiro e Guillerme Queijeiro decántase polo punk-rock de garaxe, cun toque oitenteiro que contrasta coa súa xuventude. Teñen máis ou menos as mesmas idades que os Sex Museum cando empezaron e un futuro moi prometedor. O cartel do Rockin' péchao outro imprescindible na movida local, Antón Dj, rockeiro malpicán e vello coñecido do festival carballés

social youtube xornalgalicia   feed-image