?O Presidente destina 1,5 millóns do Orzamento para medidas de aforro enerxético en 66 Concellos

Información
Lugo | 13 Julio 2016 | 4469 votos | Correo electrónico | Imprimir

- Campos Conde presentou o novo "Plan de Aforro Enerxético da Deputación nos Concellos", que inclúe axudas de entre 16.000 e 46.000 euros, distribuídas en base á superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal

- A Deputación financiará melloras na rede de alumeado público, instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor e illamentos térmicos

- A Xunta de Goberno do venres aprobará o plan e o modelo tipo de convenio que ofrece aos Concellos un anticipo do 50% da axuda e a posibilidade de que decidan que actuacións e en que instalacións municipais as queren executar

- Este novo programa é froito da aposta persoal do Presidente por reducir gastos enerxéticos nos municipios, que avanzou na súa toma de posesión e reafirmou no Parlamento de Galicia, adiantando este partida de 1,5 millóns na Comisión de Contas

O Presidente, Darío Campos Conde, informou este mércores sobre o cuarto impacto económico do Orzamento de 2016 na provincia. Trátase de 1,5 millóns de euros para o "Plan de Aforro Enerxético da Deputación de Lugo nos Concellos". Campos Conde adiantou que a Xunta de Goberno do venres aprobará esta programación, dirixida aos 66 Concellos lugueses de menos de 20.000 habitantes.

O plan inclúe subvencións de entre 16.000 e 46.000 euros nos municipios. Tal e como se pode constatar na documentación que se axunta, a distribución dos fondos nos Concellos fíxose en base aos seguintes criterios obxectivos, que son os mesmos que os do POS: superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal.

Con estes cartos, a Deputación financiará tres posibles actuacións:

PRIMEIRA.- Melloras na rede de alumeado público, coas que aforrar máis dun 20% na factura anual pola luz.

SEGUNDA.- Instalación de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor, que permiten reducir os custos térmicos ata nun 40% ao ano.

TERCEIRA.- Illamentos térmicos, que facilitan o 10% de aforro na factura anual da calefacción.

Adianto do 50%

Campos Conde explicou que, "ao igual que fixemos coas subvencións nominativas ou co Servizo a Domicilio; ofreceremos aos Concellos un anticipo do 50% do orzamento que lle corresponde, e concederemos estas axudas vía convenio. Isto suporá, unha inmediata inxección económica nas arcas municipais de 750.000 euros, ao tempo que permitirá financiar as actuacións concretas que establezan os Concellos en función das súas necesidades".

En base as necesidades dos Concellos

O Presidente apuntou que "este venres, na Xunta de Goberno, aprobaremos este investimento de 1,5 millóns de euros, ademais do modelo tipo de convenio, que enviaremos aos municipios. Os Concellos terán un prazo de 1 mes para definir as súas necesidades, que recolleremos nos seus convenios, e para presentar os proxectos. Poderán elixir que actuacións e onde as queren levar a cabo. Por exemplo, na rede xeral de alumeado público ou en concretos edificios municipais, como Consistorios, Casas da Cultura ou pavillóns deportivos, entre outras instalacións locais. Posteriormente, asinaremos os convenios con cada un dos Concellos. Serán os municipios os encargados de contratar estes traballos, que deberán estar executados antes do 31 de decembro".

Aposta persoal do Presidente

O Presidente lembrou que o día da miña toma de posesión, dixo que quería poñer en marcha máis actuacións de aforro enexértico nos Concellos. "Díxeno porque, como Alcalde que tamén son, sei de primeira man que os gastos enerxéticos supoñen un importante e imprescindible esforzo económico para as arcas municipais. Hai que ter en conta que nun Concello de menos de 5.000 habitantes a media do gasto tan só polos custos da luz municipal é de 200.000 euros ao ano. Por este motivo, en outubro, no Parlamento de Galicia, xa adiantei esta partida de 1,5 millóns de euros do Orzamento de 2016 para novas medidas de aforro de gastos correntes nos municipios". remarcou

Máis de 400.000 euros de aforro

O titular provincial indicou que "na Deputación de Lugo xa temos experiencia e camiño avanzado neste eido. No anterior mandato progresista, grazas a máis de 1 millóns de euros da Unión Europea, conseguimos reducir en máis de 400.000 euros os gastos anuais pola luz e calefacción en 37 Concellos. Trátanse dos municipios que, finalmente, decidiron sumarse a unha anterior programación de aforro enerxético, que a Deputación de Lugo tamén ofreceu gratis a todos os Concellos. Agardo que a este plan, que inclúe novas medidas, como os illamentos térmicos; e que é unha oportunidade para avanzar no aforro de gastos enerxéticos e no respecto ao medio ambiente; se sumen os 66 municipios", concluíu.

social youtube xornalgalicia   feed-image