Éxito da folga contra a corrupción na Radio e Televisión de Galicia

Información
Galicia | 24 Diciembre 2018 | 3336 votos | Correo electrónico | Imprimir

Concentración fronte ao Parlamento de Galicia, na compostelá rúa do HórreoCCOO considera un éxito a folga de 24 horas que tivo lugar o mércores, 19 de decembro, na Corporación Radio e Televisión de Galicia. O paro convocouse para defender o servizo público da CRTVG e rexeitar tanto a represión como a manipulación informativa. Foi a culminación de varios meses de mobilizacións, que xa incluíran paros parciais.

Concentración fronte ao Parlamento de Galicia, na compostelá rúa do Hórreo

Baixo o lema «Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á represión», as traballadoras e traballadores da Corporación comezaron a xornada reivindicativa cunha concentración, ás 10 horas, diante do Parlamento de Galicia. Posteriormente, manifestáronse por varias rúas de Santiago de Compostela ata a Praza Roxa, onde leron un manifesto coas súas demandas.

As traballadoras e traballadores da CRTVG expresaron deste xeito o seu compromiso coa defensa do servizo público da Radio e Televisión de Galicia, e facer partícipe a cidadanía das reivindicacións que levaron o persoal a convocar numerosos actos de protesta nos últimos meses.


 
Entre as reivindicacións que se puideron escoitar, salienta a petición de maior carga de traballo para o persoal propio da CRTVG e a fin da externalización da produción de programas ou das entradas en directo dos informativos, que están en mans de empresas privadas. Tamén esixiron estabilidade laboral e a fin dos contratos mercantís ou en fraude de lei, que aínda están a provocar litixios nos xulgados.
 
Así mesmo, reivindicaron a creación dun Consello de Informativos que canalice as protestas dos profesionais e impida a manipulación con finalidade partidista por parte de quen goberna na Xunta de Galicia.
 
Por último, esixiron a negociación efectiva dun Plan de igualdade que ofreza ás mulleres traballadoras da Radio e Televisión galegas un trato igualitario e as mesmas oportunidades laborais dentro do desenvolvemento da súa carreira profesional.

social youtube xornalgalicia   feed-image