Casa natal de Xesús San Luís Romero, na rúa da Saúde
Neste ano no que conmemoramos o centenario da estrea de O Fidalgo, a obra teatral máis representativa de Xesús San Luís Romero, a Asociación Cultural Lumeira e o Concello de Carballo queren render homenaxe a unha figura clave da dramaturxia galega. Deste xeito, o vindeiro sábado, 1 de decembro, celebrarase un acto de recoñecemento e lembranza na rúa da Saúde, xunto á casa na que naceu o poeta zapateiro fai 146 anos.
O alumnado do colexio que leva o seu nome e familiares de Xesús San Luís Romero serán os convidados de honra a un evento aberto a toda a cidadanía.
O acto comezará ás 12.00 horas. O historiador e cronista local Xan Fraga Rodríguez fará un breve percorrido pola vida e a obra do ilustre autor carballés, e na súa casa natal descubrirase unha placa que manterá viva a súa memoria para sempre.
Xesús San Luís Romero, o menor de seis irmáns, naceu en Carballo o 9 de setembro de 1872 e finou en Compostela o 23 de setembro de 1966. O Fidalgo é unha peza fundamental da súa abundante creación literaria e unha obra clave para entender a realidade da época, xa que, utilizando a historia dun mozo bergantiñán que loita contra o poder dos caciques na nosa comarca, narra un dos episodios máis significativos da historia galega: a loita agraria.
A estrea absoluta de O Fidalgo tivo lugar o 17 de xaneiro de 1918 en Santiago de Compostela, pero da obra de Xesús San Luís Romero realizáronse máis de 200 representacións en vida do autor, algunhas delas en América.