Os datos do paro constatan a fraxilidade do mercado laboral galego e a necesidade dun cambio político en Galicia

Información
Galicia | 05 Septiembre 2018 | 3799 votos | Correo electrónico | Imprimir

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

Os datos do paro rexistrado do mes de agosto constatan a fraxilidade do mercado laboral galego, incapaz de converter en estruturais os postos de traballo creados durante o verán. As cifras indican que no último mes se perderon máis de mil empregos, especialmente no sector servizos e na industria. Esta debilidade vén marcada principalmente pola elevada eventualidade: nove de cada dez contratos asinados o mes pasado foron temporais.

 

Para CCOO, isto reafirma a necesidade dun cambio de modelo produtivo en Galicia para que o crecemento sexa firme e duradeiro. Tal como leva meses a esixir o sindicato, cómpre tamén reforzar a política industrial, pois este sector debe ser un dos principais motores da economía galega.

Análise do paro rexistrado

En Galicia, o paro rexistrado subiu no mes de agosto en 1.012 persoas en relación co mes anterior, o que supón un incremento do 0,62 % (na media estatal subiu un 1,50 %), mentres que no mesmo período do ano anterior baixaba en 746 persoas (–0,41 %). No último ano, o paro rexistrado baixou en 16.701 (–9,22 % fronte ao -5,92 % na media estatal).

Así pois, o mes de agosto pechou con 164.424 persoas paradas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego: 96.179 mulleres (o 58 % do paro rexistrado) e 68.245 homes. Dese total, 7.456 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan ao redor 4,5 % do paro rexistrado.

No último mes, o paro rexistrado aumentou máis nas mulleres ca nos homes (845 paradas máis fronte a 167 parados máis) e, por grandes grupos de idade, hai 97 persoas paradas máis entre as persoas menores de 25 anos (+1,32 %) e 915 persoas paradas máis entre as persoas de 25 ou máis anos (+0,59 %).

Atendendo ao sector, o paro subiu nos servizos e na industria (1.134 e 450 persoas paradas máis ca no mes de xullo, respectivamente) e, en proporción, o incremento máis acusado deuse na industria. Pola contra, baixou na construción (347 persoas paradas menos), no colectivo sen emprego anterior (176 persoas paradas menos) e na agricultura (49 persoas paradas menos).

Das 16.701 persoas paradas menos que hai en relación co mes de agosto de 2017, o 56 % son homes. Na comparación anual, o paro baixa en todos os sectores pero, en proporción, o maior descenso segue dándose na construción e na industria.

Análise da contratación

Os datos de contratación confirman a esaxerada temporalidade no mercado laboral: o 91,41 % dos contratos rexistrados en agosto foron temporais. En cifras absolutas, son 91.149 contratos temporais e só 8.568 indefinidos.

En agosto rexistráronse 18.851 contratos menos ca en xullo e o descenso da contratación concentrouse nos contratos temporais (19.367 contratos temporais menos fronte a 516 indefinidos máis). Na comparación anual, rexistráronse 3153 contratos indefinidos máis (+58,23 %) e 844 temporais máis (+0,93 %).

Afiliación á seguridade social

No último mes retrocedeu a ocupación: a afiliación á seguridade social caeu en 1.158 persoas (–0,11) ata se situar en 1.020.388 persoas (hai dez anos esa cifra chegaba ás 1.091.537 afiliacións). Por réximes, perdese afiliación no de autónomos (1.339 afiliacións menos ca nos mes de xullo) e no do mar (18 afiliacións menos), mentres que no réxime xeral hai 199 persoas afiliadas máis.

En termos anuais, a afiliación á seguridade social aumentou en 21.497 persoas, non obstante, a creación de emprego segue sendo máis lenta na nosa comunidade ca na media estatal (+2,15 % e +2,89 %, respectivamente).

Prestacións por desemprego

No mes de xullo de 2018 só estaban percibindo unha prestación por desemprego o 53,02 % das persoas paradas con experiencia. Ese mes había unhas 69.700 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de cobertura por desemprego.

Das persoas que estaban percibindo unha prestación por desemprego, só o 46,18 % recibe unha contributiva. No mes de xullo, o número de prestacións por desemprego era de 78.682 e a repartición por modalidades era a seguinte: 36.332 percibían unha prestación contributiva (o 46,18 % do total das prestacións), 32.793 un subsidio por desemprego (o 41,68 %), 8.259 a renda activa de inserción (o 10,50 %) e 1298 correspondían ao programa de activación de emprego (o 1,65 %).

social youtube xornalgalicia   feed-image