OS SOCIALISTAS SOLICITAN A COMPARECENCIA DE FEIJÓO PARA EXPLICAR OS VENCELLOS CO EX DIRECTIVO DE PEMEX DETIDO EN MARBELLA A SEMANA PASADA

Información
Galicia | 19 Febrero 2020 | 2740 votos | Correo electrónico | Imprimir

Luis Álvarez pregunta se o presidente da Xunta adiantou as eleccións para “verter unha cortiña de fume” sobre o escándalo de Pemex

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020. O Grupo Socialista vén de presentar conxuntamente co resto dos grupos da oposición a solicitude de comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que dea conta diante da Deputación Permanente do Parlamento dos vencellos do goberno galego co ex directivo de Pemex detido en Marbella a semana pasada acusado de corrupción e branqueo de capitais.

 

O viceportavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, esixiulle ao presidente da Xunta que clarifique o papel do goberno galego nas operacións de Pemex en Galicia que agora están a investigar o goberno de México e a fiscalía daquel país, entre elas a compra de Barreras. Pregúntalle ademais se o presidente da Xunta decidiu adiantar as eleccións para “verter unha cortiña de fume” para “escapar” deste escándalo.

O responsable socialista reclámalle ao presidente da Xunta que detalle cal é a súa relación con Emilio Lozoya, o ex directivo detido, que foi quen asinou tanto a adxudicación dos dous floteis como a compra do estaleiro Barreras. Lembra ademais que a dita investigación tamén está a sinalar a outros dous directivos encargados de negociar os acordos co goberno galego.

Criticou que o presidente da Xunta se teña afanado tanto en “darnos leccións de dignidade e decencia política” cando “o que debe explicar son as súas relacións con quen vén de ser detido despois de ser declarado prófugo da xustiza, e por que nunca chegaron os 20 buques que anunciara”. Subliñou que “daqueles buques anunciados en campaña electoral non sabemos nada, pero o que si que puidemos ver foron as fotos de Feijóo xunto a un directivo agora detido acusado de suborno e branqueo de capitais”.

social youtube xornalgalicia   feed-image