Fundacións, concellos, festivais ou entidades de cultura tradicional terán até o día 15 de xullo para se presentar ás novas liñas de axuda da Deputación

Información
A Coruña | 07 Junio 2016 | 8342 votos | Correo electrónico | Imprimir

O BOP do día 8 de xuño publica as bases das novas convocatorias da área de Cultura xa coa data en que finaliza o prazo para que a presentación de propostas. Até o día 15 de xullo terán entidades, fundacións, concellos ou festivais para participar nestas liñas que supoñen un importante cambio de xestión na política cultural da Deputación da Coruña.

O 15 de xullo ás 14:00 rematará o prazo para presentar propostas para as novas liñas de subvención da área de Cultura da Deputación da Coruña, segundo consta no BOP do 8 de xuño en que se concretan as bases co período de presentación de solicitudes.

En concreto, trátase do programa de subvencións para actividades e investimentos de corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego; para a contratación de persoal técnico e actividades para museos, centros de Interpretación, bibliotecas e fundacións. Ademais, ábrese tamén o prazo para a liña de apoio a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados por concellos, entidades locais e entidades sen ánimo de lucro.

As novas liñas de subvencións de Cultura foron presentadas no mes de maio pola responsábel da área e vicepresidenta, Goretti Sanmartín como eixo dunha nova política cultural que ten como obxectivo mudar as subvencións nominativas por liñas de axuda en concorrencia competitiva, seguindo criterios obxectivos de reparto dos orzamentos públicos. Estas novas liñas que se dirixen a festivais, museos, centros de interpretación, fundacións e entidades de cultura tradicional e popular, contan cun orzamento total de máis de dous millóns de euros (2.250.000 €).

Na presentación, destacou "a nova forma de operar no ámbito de cultura, destinada directamente a reforzar o tecido cultural da Coruña, sempre con transparencia e criterios obxectivos que eliminan a discrecionalidade anterior". Destacou tamén a vontade de contribuír desde o ámbito cultural á creación de emprego que se derivará das propias liñas de axuda.

Para museos de centros de interpretación, a área de Cultura da Deputación contémplanse 500.000 € para contratación de persoal para a atención ao público. Destínanse nas novas liñas 525.000 € para apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos ou entidades sen fin de lucro. As corais, bandas de música popular e entidades de música e baile tradicional recibirán 375.000 € tanto para o desenvolvemento das súas actividades, proxectos ou eventos como para investimentos. Finalmente, as fundacións do ámbito cultural poderán optar a 850.000 € co fin de apoiar os seus proxectos e actividades culturais para o ano 2016.

social youtube xornalgalicia   feed-image