A CONSELLERÍA DE SANIDADE SEGUE A DIFICULTAR O DEREITO A SOLICITAR A EUTANASIA

Información
Hoy es noticia | 20 Abril 2022 | 713 votos | Correo electrónico | Imprimir

En reiteradas ocasións DMD Galicia  veulle reclamando á Xunta de Galicia que dispuxese os medios necesarios para facer efectivo o dereito á prestación sanitaria de morte asistida medicamente, conforme ao previsto na Lei Orgánica de regulación da Eutanasia (LORE).

 

Tivemos que denunciar: o retraso na creación da Comisión de Garantía e Avaliación, a carencia de iniciativas da Consellería para a formación de profesionais e administradores sanitarios sobre o contido da Lei e os procedementos a aplicar para facela efectiva, a ausencia de actuacións de sensibilización e información á sociedade sobre o novo dereito e o Testamento Vital, e mesmo o impreso que no SERGAS se ofrecía ás persoas para rexistrar o seu Testamento Vital (por ocultar o dereito a anticipar a solicitude de eutanasia se a persoa chegase a atoparse nun dos  tipos previstos na Lei).

Cualificamos estes comportamentos como entorpecedores do exercicio dun dereito fundamental. E aí seguimos.

En datas recentes, despois de denuncias públicas e iniciativas parlamentarias, soubemos que a Consellería de Sanidade viña de modificar o impreso para o rexistro do Testamento Vital.

E non se podía facer peor.

É así que no documento actualmente vixente, xa modificado despois da denuncia de DMDG, suprimíronse as referencias ás normas legais que sustentan o Testamento Vital, e introduciuse a posibilidade de elección de eutanasia, pero dando a entender que a morte asistida medicamente podería proporcionarse á persoa contra a súa vontade se esta non deixara dito explicitamente que non quere a eutanasia.

A Lei é absolutamente clara ao respecto (Capítulo II, arts. 4 e 5): as persoas só poderán acceder á eutanasia previa solicitude realizada en plenas condicións de capacidade, dispoñendo da información necesaria, e sen coacción algunha. Esa solicitude poderá facerse anticipadamente mediante a súa constancia expresa no Testamento Vital.

DMD Galicia recomenda que se rexistre a solicitude de eutanasia no Testamento Vital por quen non querendo continuar a súa vida nas condicións de enfermidade ou estado crónico e incurable causante de sufrimento intolerable, tal como prevé a Lei para acceder á morte asistida medicamente, poida perder de forma irreversible a súa capacidade legal para adoptar esta decisión como consecuencia de enfermidade ou accidente.

Non ten ningún sentido aparente, induce á confusión e mobiliza o temor á morte por acción médica, propoñerlle ás persoas que fagan constar explicitamente no documento de rexistro do Testamento Vital que non queren a prestación de eutanasia ou que non se pronuncian ao respecto, tal como se contén no documento reformado pola Consellería.

Pero a modificación realizada non é unha modificación calquera, xa que se sitúa na estela dos atrancos que dende instancias do goberno autonómico en Galicia se están a poñer ao coñecemento adecuado da Lei, á súa materialización, e á normalidade no exercicio do novo dereito polas persoas que o necesiten.  De feito, esta é unha acción que xa foi impulsada, hai agora un ano, polos sectores máis integristas e reaccionarios daqueles que que se opoñen á regulación da eutanasia, coa finalidade de crear confusión e provocar o medo (en particular das persoas maiores), para así tentar debilitar o apoio social ao dereito á eutanasia.

Desde hai anos vimos denunciando que no Rexistro de Instrucións Previas da Consellería  de Sanidade (espazo administrativo onde se rexistran os testamentos vitais)  faise oposición activa ao dereito das persoas a exercer libremente a súa vontade en relación aos tratamentos médicos. Esta última actuación aquí denunciada é o extremo dunha traxectoria de creación de dificultades ás persoas que queren exercer a súa autonomía rexistrando o seu Testamento Vital.

Un impreso-formulario para o rexistro do Testamento Vital non é o espazo no que defender as opinións propias da persoa funcionaria, sexa cal sexa o seu cargo, e menos aínda pode ser un instrumento que cause dano ás persoas e aos seus dereitos.

Non se debe ignorar que nada disto estaría pasando se, por quen ostenta a máxima responsabilidade da Xunta non se fixera desde o primeiro día cuestionamento do dereito á eutanasia, tal como fixo o Sr. Feijoo cando valorou a nova Lei Orgánica de regulación da Eutanasia e retrasou a creación do órgano autonómico necesario para a súa aplicación. Esa actitude do Presidente da Xunta foi tomada por determinados funcionarios, como era esperable, como unha autorización para opoñerse á Lei.

Nesas estamos.

Urxe a formación de quen traballa no sistema sanitario en Dereitos das persoas e na Lei Orgánica de regulación da Eutanasia, e debe facerse  extensiva tamén aos altos cargos da Consellería de Sanidade xa que o seu descoñecemento da norma é palpable.

Ten que aumentarse pola Consellería a información á sociedade sobre o Testamento Vital e o novo dereito/prestación á morte asistida medicamente conforme ao previsto na LORE.

Cómpre mellorar a accesibilidade ao rexistro de instrucións previas: incrementando as Unidades de Rexistro e as profesionais habilitadas que sustentan as mesmas, para así superar as listas de agarda que tamén se soportan neste dereito.

Debe comunicárselle á persoa, dada a importancia desta cuestión, a resolución de inscrición do documento no rexistro, non deixando esta á interpretación do silencio administrativo.

E debe substituírse inmediatamente o impreso-formulario recentemente modificado por outro que inclúa as referencias das normas legais e a elección da opción pola eutanasia se a persoa así o valora (existen modelos moi sinxelos noutras Comunidades Autónomas que son plenamente válidos e acordes coa Lei, por exemplo, o do Servicio de Saúde de Euskadi ou o de Catalunya).

social youtube xornalgalicia   feed-image