O artista polaco Wieslaw Haladaj (1959) coa súa obra "Appearance-22" é o gañador da 13 edición do Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica da que se decidiu nunha reunión do xurado que se desenvolveu na Fundación CIEC de Betanzos.
O xurado destacou que a obra de Wieslaw Haladai ten un "alto nivel técnico e unha minuciosa elaboración coa que o autor conseguiu crear unha obra que a través do trazo amalgama imaxes nas que se descubre un mundo de rostros e miradas conmovedor". Definiron, desta maneira a obra como "un bosque de trazos nos que se adiviñan as imaxes humanas nunha creación que sobrepasa a mera peripecia técnica e incorpora outra máis contemporánea, un compromiso estraño coa figuración". A maioría dos votos optou pola obra de Haladaj entre as 138 presentadas a esta edición do premio da Coruña. O artista gañador recibirá un premio de 6.500 euros.