
O pasado mes de xaneiro anunciaba o concello da Laracha a adxudicación da execución do proxecto de construción do centro comunitario de Caión. Agora resulta que o goberno municipal vese na obriga de desistir desa licitación por erros no estudo xeotécnico e no proxecto. Pero antes deste último intento existe unha longa tramitación con moitas sombras e diferentes proxectos durante varios anos para a construción, primeiro do centro sociocomunicario de Caión e despois o centro comunitario Costa da Morte de Caión, ata chegarmos agora a este último proxecto de centro comunitario.
Á marxe desta actuación en concreto que leva dado tantos bandazos, ou do proxecto para o frustrado campo de fútbol que se ía construír en Xermaña, cómpre preguntar ao goberno municipal do PP da Laracha cantos proxectos se levan encargado e pagado por parte do concello da Laracha, case todos ao mesmo estudo de arquitectura, que non foron executados?
Con respecto ao agora proxecto de centro comunitario de Caión (antes centro sociocomunitario de Caión e centro comunitario Costa da Morte) exponse a continuación un resumo da traxectoria ata chegarmos a este punto, onde se poñen en evidencia as dúbidas xeradas e as sombras que cubren toda esta tramitación:
1º.- No ano 2016 o concello da Laracha asina un convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para a construción dun centro sociocomunitario en Caión. Mediante este convenio a consellería aportaría cantidades económicas nas anualidades 2016, 2017 e 2018 para a construción do devandito centro. O concello chegou a recibir a cantidade correspondente á primeira anualidade (15.000 euros), non sabemos en concepto de que. A data de finalización do convenio foi o 31/12/2018, sen que se fixese absolutamente nada.
2º.- Apróbase unha addenda a este convenio pola que se modifica o nome do centro, pasando a chamarse centro comunitario Costa da Morte.
3º.- Hai unha certificación que acredita que o Consorcio entregou ao concello da Laracha a cantidade de 14.999,99 euros (o correspondente á primeira anualidade do convenio, 2016, que son 15.000 euros). Como se di no punto 1º, non se fixo a día de hoxe absolutamente nada do devandito centro.
4º.- O concello preséntase á convocatoria do GALP 3 solicitando financiación para a construción do centro comunitario Costa da Morte (acta Xunta de Goberno onde se dá conta da avocación da competencia por parte do alcalde para a solicitude desa axuda).
5º.- A Consellería do Mar denega a axuda do GALP 3 ao concello da Laracha por non acreditar a titularidade do terreo onde pretende construírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
6º.- O concello da Laracha adxudica o proxecto para a construcción do centro comunitario de Caión.
7º.- O concello da Laracha desiste da licitación, polo que se anula a adxudicación da construción do centro comunitario de Caión.
Son moitos os bandazos dados ao longo do tempo e moitas as dúbidas e as sombras sobre toda esta tramitación. Todo o que ten acontecido cos terreos destinatarios desta infraestrutura, onde era o antigo campo de fútbol da Ínsua, e todo o proceso anteriormente descrito, está a xerar moita incertidume na veciñanza de Caión.
Adxúntase a seguinte documentación: Convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, addenda ao Convenio, certificación pagamento 1ª anualidade do convenio non executado, acta da Xunta de Goberno onde no punto 2 se dá conta da avocación da competencia por parte do Alcalde para solicitar a axuda do GALP 3, xustificación da solicitude de financiación ao GALP 3, denegación da axuda por parte da Consellería do Mar, anuncio no que o concello da Laracha desiste da licitación do centro comunitario de Caión, apostilla Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha