FERROL DENDE UN BALCÓN DE SOL

Información
Noticia destacada | 08 Febrero 2022 | 1981 votos | Correo electrónico | Imprimir

 15245929435 6299c68fd5 b20181231 184003 largejpgDebruzo na varanda desta rúa triste e sombriza, esta rúa onde o sol asoma temesiño luíndo a penas, coas súas febles raiolas invernizas, as galerías outas e pares da outra veirarrúa.

Ninguén que me poida lembrar se houvo sol noutrora ou se o nome é somentes unha brincadeira, como eses alcumes que tantas veces salientan xustamente aquilo do que a persoa carece.

 Mais, magoada polo trafego rodado, a longa e rectilínea serpe de Sol é cobizada como lugar de estacionamento nunha cuadrícula desbordada polos vehículos, eses usurpadores do espazo público á cidadanía, no centro dunha cidade racionalista que fora deseñada para camiñar con folgar.

De fronte atristura o espírito unha vedraña vivenda de baixo e dous andares coroada dunha bufarda que asoma polo tellado con dous ollos valeiros como unha velliña cega que malia non ter xa pisca de luz, parece fitarte coa olladela fría e esquecida de todos os ollos que a habitaron.

A casa non ten número mais no seu día deveu ser de boa traza. Aínda conserva a pedra en bon estado e as albas galerías de madeira apodrecida lucen, porén, uns releves de motivo vexetal. Leva un mundo apuntalada de arriba abaixo como quen non quere matala nin deixala vivir. Os puntais, xa enferruxados, atravesan os restos do que foi o toldo dun negocio no baixo. Na banda dereita da derradeira galería, unha gran chapa metálica semella evitar que se veña abaixo. Nunha das portas, tapiadas con tixolo e cemento, alguén deixou escrita a pintada: El de Tanger traición. E como toda tragedia ten a súa faciana cómica, na parede do balcón luce unha chapa branca moi nova, negro sobre branco: seguros mutuos ferrol. Como guinda, érguese no tellado erváceo unha longa antena pola caluga da bufarda, símbolo dun progreso calcado sobre as ruinas dunha cidade que fuxe da súa propia historia.

Ao seu carón, a súa vivenda veciña, de mesma traza, non resistiu as bategadas do tempo e do esquecemento. Só fica o baixo apuntalado no que alguén molestouse en pintar unha fouce e un martelo vermellos. En riba, a beleza decrépita do que foi a saída a un balcón como unha pequena porta dun irrisorio triunfo, coa mesma chapa de seguros mutuos, protexe os sangumiños do que foi un fogar, a rexa osamenta dunhas vellas trabes aínda termando das galerías parellas.

Só as pombas e as gueivotas devecen por estas xoias do pasado.

As xentes pasan polas veirarrúas coas súas angueiras sen reparar no cotiá. Na beleza e sabencia que se perde, no pasado e futuro como dous siameses inseparaveis. A perda de identidade, a miseria, a usura e a tolemia. Os maiores cos seus carros do mercado, atafegados por chegar a casa cismando na encosta que queda por salvar. A mocidade en pandas coas súas mochilas e os seus risos e berros demorándose por non chegar a casa nin a ese mañá agoreiro. Os miúdos brincando e contando ás súas nais o conto do día ao saires da escola, inocentes ao devalo dun mundo.

Desde o balcón até raiar a tardiña flúe un balbordo leve e discontinuo, comedido como as augas dun río vertolán. Un home mira cara arriba, mais a meirande parte ollan ao horizonte ou ás pantallas dos seus móbiles. É a lóxica dos tempos, a velocidade que nos fai cegos ao próximo.

Dende o balcón, boto en falla o verde do campo aberto do meu antigo barrio, o alto de Chamorro, o souto e o Val de Pazos, vagarento en se espreguizar da mesta brétema nas mañás. Aquí albisco unha palmeira esguía que me reconforta e trae á miña memoria a da horta dos meus avós na rúa do Hospital, baixo a que xoguei na neneza. Agora acena coas súas palmas a este ceo estrano sen rastro de nubeiro. A súa sombra pinta un ave fénix no muro branco. A palmeira dos indianos traída á península por Abderramán I no século VIII, disque unha das árvores máis antigas que chegou a aquí dende o Cretácico. Símbolo da inmortalidade e da abundancia. A súa variedade Phoenix deu nome a Fenicia e á lendaria ave fénix

Dende o balcón, debruzada na balconada, abranguendo a cidade ao lonxe, pergúntome se será quen de rexurdir tamén, como a fénix, das súas cinzas.

 

IOLANDA TEIXEIRO REI

 

FERROL

 

social youtube xornalgalicia   feed-image