Presentaron o acordo de coalición electoral aos comicios europeos que se traduce nunha candidatura conxunta que ten como obxectivos a defensa das liberdades, dos dereitos nacionais e sociais dos pobos e a loita contra a involución democrática.
A capital galega acolleu esta primeira presentación pública, coa presenza da candidata Ana Miranda polo BNG, Josu Juaristi por EH Bildu e Diana Riba, por ERC.
A portavoz nacional, Ana Pontón, líder da forza política anfitrioa, destacou a importancia deste acordo para reforzar a voz de Galiza na Eurocámara. “É un día importante para todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren seguir tendo voz propia en Europa para defender os intereses dos galegos e das galegas”, salientou.
Esta candidatura, recalcou, “dános visibilidade como nación e garante unha representación con capacidades reforzadas, sen supeditacións e cunha única lealdade: a que lle debemos á sociedade galega”. “Vai garantir que o noso país continúe a ter voz propia en Bruxelas a través de Ana Miranda quen, dígoo con moito orgullo, fixo máis por Galiza que o resto de eurodeputados e eurodeputadas galegas xuntas. E aí está o traballo e aí están os resultados”, recalcou Pontón.