‘Valle-Inclán: xenio e figura (1866-1936)’ ofrece preto de 170 edicións publicadas ao longo da vida do autor vilanovés, acompañadas dunha escolma -máis de 1.000 imaxes dixitais

Información
Galicia | 31 Octubre 2016 | 3455 votos | Correo electrónico | Imprimir

Juan Viaño, Darío Villanueva e Jean Fraçois Botrel conversan antes de comezar o acto (Foto: Santi Alvite)

A inauguración da exposición ‘Valle-Inclán, Xenio e figura (1866-1936)’ abriu este venres 28 os actos conmemorativos do 150 aniversario nacemento do autor galego organizados pola Cátedra Valle-Inclán da USC. Na sesión inaugural celebrada no Colexio de Fonseca baixo a presidencia do reitor Juan Viaño, interviñeron tamén a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido; a directora da Cátedra, Margarita Santos; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o segundo tenente de alcalde do Concello de Lugo, Miguel Fernández; e a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Para finalizar, o profesor Jean François Botrel, catedrático da Universidade de Rennes, pronunciou a conferencia ‘O libro en España en tempos de Valle-Inclán’.
A mostra ‘Valle-Inclán: xenio e figura (1866-1936)’ ofrece un triplo percorrido no tempo, que abrangue tanto a figura como a obra do escritor: Valle-Inclán, obra ilustrada; Caricaturas e retratos; e Valle-Inclán, traducido, realizadas con fondos bibliográficos e documentais da USC e do Grupo de Investigación Valle-Inclán. Como comisarios, Margarita Santos Zas e Francisca Martínez Rodríguez (Sección I), Javier Serrano Alonso e Amparo de Juan (Sección II) e Rosario Mascato Rey (Sección III).
A mostra reúne preto de 170 edicións publicadas ao longo da vida do autor vilanovés, acompañadas dunha escolma -máis de 1.000 imaxes dixitais- dos seus deseños gráficos orixinais (tipografías, motivos ornamentais, ilustracións…), que constitúen un dos expoñentes da renovación das artes do libro no primeiro terzo do século XX e que Valle-Inclán liderou.
Paralelamente, máis de 200 caricaturas e retratos de Valle-Inclán publicados na prensa contemporánea polos mellores debuxantes e pintores do primeiro tercio do século XX; e, finalmente, a terceira sección promovida polo Consello da Cultura Galega, Valle Inclán traducido, ofrece a proxección internacional do autor no seu tempo a través das súas traducións a diversas linguas -boa parte delas descoñecidas-, desde o francés, italiano, portugués ou inglés ao sueco, húngaro, finlandés ou ruso.
A exposición acompáñase dun catálogo das tres seccións, cos seus correspondentes estudios introdutorios, que contén 880 imaxes da propia exposición e outras que se mostran por vez primeira. Como novidade, cada sección achega novos materiais: na I e II un panel de gravados e debuxos orixinais do Legado Valle-Inclán Alsina, e, por último, un apéndice de caricaturas e retratos que case duplica o número exposto.
Ciclo de conferencias O ciclo de conferencias continuará o 11 de novembro co relatorio de Xaquín del Valle-Inclán Alsina, presidente de Amigos de Valle-Inclán, sobre o deseño e as variantes do texto. En novembro intervirá Enrico Lodi, da Universidade de Bergamo, coa conferencia ‘Traducir  La media noche de Valle-Inclán: cuestións de estilo’ e Jesús Rubio Jiménez, da Universidade de Zaragoza, con ‘Ángel Vivanco e Ramón del Valle-Inclán: as artes do libro’.
Xa en decembro será a quenda de Jaume Capdevila, de La Vanguardia, co relatorio ‘O esperpento gráfico. Breve historia da caricatura con Valle-Inclán ao fondo’, e clausurará o ciclo o 16 de decembro o profesor da USC José Manuel López Vázquez cunha conferencia sobre os retratos  e caricaturas de Valle-Inclán. Ese mesmo día pola mañá en Filoloxía desenvolverase ademais a mesa redonda ‘Traducir a Valle-Inclán’.
Dramatización e proxecto editorial Un dos actos máis interesantes do programa, que terá lugar o 8 de novembro no Auditorio de Galicia, será a dramatización de La media noche. O Teatro de La Abadía é o creador deste espectáculo, con música e imaxes, que pon na escena o director deste centro de estudos e de creación escénica, José Luis Gómez.
Por outra banda, parello a todas estas actividades existe un importante proxecto editorial que inclúe a edición de diversos volumes con manuscritos inéditos do escritor, a súa obra completa e obras escollidas. Ademais, para favorecer o acceso ao legado Valle-Inclán o grupo de investigación e a cátedra teñen previsto poñer en aberto na rede en 2017 o Arquivo Dixital do Grupo Valle-Inclán USC, que contén todo o seu fondo documental impreso e bibliográfico, con 80.000 imaxes dixitais.

social youtube xornalgalicia   feed-image