O CPXG rexeita o abuso dos ERTE nos medios e fai un chamamento para buscar alternativas

Información
Galicia | 06 Abril 2020 | 2507 votos | Correo electrónico | Imprimir

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia insta aos medios de comunicación a non abusaren da presentación de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e estudar, sempre que sexa posíbel, alternativas que manteñan o traballo dos xornalistas nunha situación na que a información é máis necesaria que nunca.

A crise do coronavirus está a provocar o anuncio de presentación de varios Expedientes de Regulación Temporal de Emprego en medios de comunicación da nosa comunidade.

O Colexio de Xornalistas é consciente dos perigos que a caída do mercado publicitario e da actividade económica poden significar para uns medios de comunicación xa castigados polas súas propias crises. Mais o estado de alarma non pode servir en ningún caso como excusa para reducir postos de traballo de xornalistas, especialmente cando, como é o caso dalgún dos ERTE presentados, non se achegan razóns económicas obxectivas que xustifiquen unha medida como esa. A presentación de ERTE desproporcionados significa un abuso inxustificado dos recursos públicos para mellorar as contas de empresas mediáticas que non están a pasar necesidades.

Por outra banda, o abuso da figura do ERTE significa tamén un deterioro do dereito á información da cidadanía. No contexto da pandemia do coronavirus, unha profesión forte e non precaria que informe á cidadanía é máis necesaria que nunca. Desde o comezo da crise, os medios non cesaron na produción de información, e fíxerono en boa medida grazas á boa vontade do persoal, que puxo a disposición da empresa medios propios que permitiron continuar coa produción do información a través do teletraballo. É preciso que as direccións das empresas respondan tamén con responsabilidade, primando fronte á falta de feitos noticiosos outro tipo de informacións (como o xornalismo de datos ou de investigación) ou estudando alternativas ao ERTE.

Por todo isto, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento ás direccións dos medios para que retiren as propostas de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego que non estean xustificadas e estuden, xunto aos cadros de persoal, alternativas que permitan manter os postos de traballo e garantir ao mesmo tempo o dereito da información da cidadanía. Evitar que a crise do coronavirus golpee economicamente aos traballadores e traballadoras e manter o exercicio do bo xornalismo son medidas que nos axudarán a todos a superar esta pandemia.

Por outra banda, a defensa do labor xornalístico nesta crise fai necesario lembrar unha vez máis as recomendacións sobre como se debe realizar este traballo. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas pide unha vez máis aos xornalistas que informen con responsabilidade e respectando o Código Deontolóxico eaos responsábeis dos medios de comunicación que faciliten medidas de protección a todo o persoal que traballe na rúa.

social youtube xornalgalicia   feed-image