Achados en modelos animais identifican novos usos terapéuticos da nicotina fronte á obesidade

Información
Galicia | 24 Septiembre 2019 | 2607 votos | Correo electrónico | Imprimir

De esquerda a dereita, as primeira asinantes do artigo Eva Rial, Patricia Seoane e Laura Liñares

Un grupo de investigadores da USC, Girona, Oxford e Iowa identificaron novos usos terapéuticos da nicotina na loita contra a obesidade. O traballo agora presentado na revista Nature Communications identificou que a nicotina induce o ‘pardecemento’ do tecido adiposo branco ao actuar no cerebro. Como aclara a primeira asinante do traballo, a investigadora do grupo NeurObesidad de Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) Patricia Seoane Collazo, o tecido adiposo pardo (graxa parda) é o que non almacena lípidos (ao contrario que a graxa branca) senón que os ‘queima’ a través dun proceso no que se xera calor (termoxénese). Por exemplo, cando o sistema nervioso central interpreta que o organismo se atopa nun ambiente frío desencadea como resposta unha activación da termoxénese da graxa parda para incrementar a temperatura corporal.


Dende a perspectiva do control do peso corporal, a posibilidade de converter a graxa branca en parda supón contar cun novo ‘interruptor’ na loita contra a obesidade. Como matiza a investigadora, “o descubrimento non implica que as persoas que fuman acaden un mellor control do peso senón que os nosos estudos permítennos identificar un novo mecanismo molecular na utilización da nicotina, sempre medicamente controlada e liberada, con posibilidades ata agora descoñecidas”. Ademais dado este novo paso na comprensión do comportamento da nicotina haberá que establecer esforzos para definir como “a nicotina exerce os seus efectos beneficiosos no control do peso corporal” e así “poder deseñar terapias que eviten os seus efectos nocivos”, principalmente os vinculados á acción de fumar, afirma Patricia Seoane.

“A nicotina pode modular as vías de recompensa, como o sistema opioide endóxeno. O sistema opioide estableceuse como un regulador importante nos procesos neurais hedónicos e de recompensa, como os que conducen a conductas aditivas” engade Patricia Seoane no traballo publicado polo grupo Nature. O artigo tamén explica que o pardecemento da graxa depende dun subtipo de receptores opioides (o receptor opioide kappa), especificamente na área hipotalámica lateral, proceso que agora se constatou en estudos realizados en modelos animais. Ademais, o traballo presenta datos en humanos, do grupo de José Manuel Fernández-Real en Girona, que demostran que o tecido adiposo branco dos fumadores mostra sinais de pardecemento. En conxunto, o estudo “abre portas para a busca de novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade”, xa que o equipo de investigación comprobou por primeira vez a implicación do sistema opioide no control do pardecemento do tecido adiposo branco.

Por parte da USC, o novo traballo publicado por Nature Communications co título ‘Central nicotine induces browning through hypothalamic κ opioid receptor’, ten como primeiras asinantes a Patricia Seoane Collazo, Laura Liñares Pose, Eva Rial Pensado, Amparo Romero Picó, ademais dos profesores Carlos Diéguez e Miguel López, que dirixiron o estudio. Do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), tamén contribuíron Noelia Martínez Sánchez, Pablo Garrido Gil, Ana Senra, Cintia Folgueira, José L. Labandeira García, e Rubén Nogueiras.

Traballos previos
O novo traballo dá continuidade a estudos previos de Miguel López, cuxo grupo xa en 2012 demostrou que a nicotina inhibe a actividade da proteína AMPK no hipotálamo provocando a diminución da inxesta e un incremento do gasto enerxético ao activar o tecido adiposo pardo. O resultado asociado a todo este proceso era unha perda de masa corporal. A importancia da proteína AMPK (AMP-activated protein kinase), involucrada, entre outros procesos celulares, nos primeiros pasos da produción de lípidos, radica na súa sensibilidade a calquera variación nos niveis enerxéticos da célula e o organismo.

social youtube xornalgalicia   feed-image