A crise e as políticas liberais e antiobreiras da Xunta de Feijoo e o Goberno español están levando á clase traballadora galega ao límite. No Estudo que vén de publicar o IGE sobre a remuneración do factor de traballo na economía galega, en comparación co Estado español e máis coa Unión Europea dos 28, demóstrase sen paliativos, como foi a clase traballadora galega a que máis sufriu o roubo e o saqueo do capital, e onde afectaron con máis ferocidade as reformas laborais e da negociación colectiva.
Mentres no ano 2009, antes da gran recesión, o peso dos salarios galegos era dun 48% do PIB no ano 2018 pasou a ser do 42,4%. En nove anos o capital roubou as rendas do traballo dos galegos e galegas o 5.6%. Mentres no estado español esa baixada foi do 3,8%. E na UE dos 28 do 0,8%. Datos moi ilustrativos de como mentres na UE non se produciron grandes cambios do peso do factor traballo na economía dende o ano 2000, nin no período expansivo nin na posterior recesión da economía. No estado español e sobre todo en Galiza os resultados son de magnitudes terribles e mostran sen ningún lugar a dúbidas os resultados desastrosos das reformas do PP e do PSOE ao longo destes anos.
17 euros por hora efectiva
En canto á remuneración por hora efectiva dos asalariados, no ano 2018 acadou os 17 euros mentres na UE dos 28 está nos 23,7 euros. Esta cifra supón que a remuneración por hora en Galiza é o 72% da UE dos 28, 6,7 euros menos por hora. E mesmo coa media estatal está en 2,7 euros hora menos. É por iso que é en Galiza onde se ve con máis crueza a precariedade e pobreza laboral. Mentres que desde o ano 2009 os salarios na UE medraron 4 euros a hora en Galiza só 1,5 euros. Nese mesmo período.
A isto hai que engadir a entrada en vigor da nova regulación sobre o rexistro de xornada que chega tarde porque levamos moitos anos sen poder controlar os milleiros de horas extras que se realizan sen control algún.
Horas que demostran que as empresas melloran a súa conta de resultados grazas a confiscación da renda e da riqueza da clase traballadora. Porque as horas extraordinarias non retribuídas supoñen que a clase traballadora lle entrega gratis ao capital a súa forza de traballo.
O 24% das persoas ocupadas fan máis de 40 horas semanais
Nese sentido o propio IGE na enquisa sobre estrutura de fogares recoñece que 237.405 traballadores e traballadoras galegas realizan unha xornada laboral superior as 40 horas, que supón o 24% dos ocupados en Galiza.
Un de cada catro ocupados que realizan xornadas en algúns casos superiores as 70 horas semanais. E que en provincias coma a de Lugo chega a un 35,2%. Datos que demostran que a precariedade a sobreexplotación e o roubo e o saqueo constante a clase traballadora galega, e a receita da Xunta de Feijoo.
Tamén di a referida enquisa das xornadas que se fan fóra da xornada de traballo, de forma habitual ou ocasionalmente, que un 53,62% prolongan a súa xornada laboral aos sábados, o 34,91% os domingos ou o 38,38% en xornadas de luns a venres maiores de 9 horas.
Con respecto á remuneración un 22,1%, 172.238 traballadoras e traballadores galegas e galegos, recoñecen que non son compensados en tempo libre nin economicamente cando realizan esas horas extraordinarias.
En sectores como o bancario ou no de servizos, no comercio, en grandes superficies ou en supermercados, entre outros, o persoal sofre unha desregulación horaria ou unha extensión ilegal da xornada máis propia do século XIX.
Inspección de Traballo
Diante desta situación, o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío agarda que o goberno e a Inspección de traballo “realicen o seu cometido no que ten que ver co rexistro da xornada para que deixen de susbtraer a centos de miles de traballadores e traballadoras galegas/os o seu salario; para que haxa un reparto do traballo e poder acabar co desemprego. Mais tamén para parar o fraude a Seguridade Social e a Facenda, porque as empresas nin as pagan ao seu persoal, nin cotizan por elas”.
Derrogación das reformas
Mais para poder parar esta situación a CIG demanda un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais que permitan camiñar cara a unha situación de emprego, salarios e pensións dignas. “O Goberno español non pode seguir pondo escusas para manter unhas reformas que consolidan os empregos mal remunerados e de escasa duración, aumentan de xeito alarmante o empobrecemento da clase traballadora e condenan a nosa mocidade á emigración”, afirma González Sío.