
Tras os lamentables feitos que están a ocorrer en Catalunya, e que deixan en dúbida a democracia do goberno do PP, queremos condenar firmemente as actuacións que se están levando a cabo en Catalunya por un goberno desatado na tolemia da ostentación do poder, que nos leva a épocas que considerabamos xa pasadas
Nestes momentos o que ocorre en Catalunya non é unha cuestión interna de independentismo, trátase dunha asunto de todos os cidadáns do estado español pola defensa dos nosos dereitos civís que están a tentar ser pisados pola forza dun goberno deslexitimado nestas actuacións de represión polo propio parlamento estatal.
Queremos mostrar a nosa solidariedade co pobo catalán, e mostrar o noso orgullo pola súa loita, que é a loita de todos, a loita polos dereitos civís que tanto nos custou obter, e que un partido que hoxe se está quitando a careta de demócrata quérenos arrebatar desde a súa posición do poder, exactamente igual que fixeron sempre todos os poderes fascistas.
Queremos tamén esixir a dimisión do señor Mariano Rajoy de forma inmediata, así como a do señor Núñez Feijoo caso de que non condene firmemente os actos levados a cabo en Catalunya con ordes ilexítimas desde o seu partido en Madrid. Non só débense de esixir as dimisións dos responsables do PP por este enfrontamento civil do que deben render contas, senón que han de convocar eleccións xerais de forma inmediata, xa que quedaron totalmente deslexitimados para gobernar un estado democrático.
Igualmente queremos esixir unha postura clara e radical da nosa dirección estatal á beira dos demócratas e contra os que pola forza queren impoñer os seus criterios, así como esiximos igualmente da nosa dirección en Galicia que se sitúen á beira dos demócratas, e que deixen a indefinición e a equidistancia calculada, xa que agora é o momento de defender os nosos dereitos mais fundamentais e debemos de facelo todos xuntos, sin peros e dando a cara inequívocamente.
Finalmente queremos pedir ao PSOE que se sitúe contra o radicalismo nacional e apoie o dereito dos pobos libres, que deixe de pensar en clave electoral e defenda os dereitos dos cidadáns, que condene claramente estas actuacións e que se Rajoy non dimite e convoca inmediatamente eleccións xerais, promova unha moción de censura para botar a quen impuxo o estado do terror e a represión en Catalunya.