A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, que integra a numerosos plataformas de moitas localidades e de organizacións sociais, profesionais, sindicais e políticas, co apoio e colaboración de diferentes institucións locais, convoca unha Manifestación para o día 14 de novembro, co lema “ Salvemos as Atención Primaria e o Sistema Sanitario Público”, en risco de desmantelamento pola política de recortes de recursos do PP e a privatización sistemática da Sanidade.
Esta manifestación unitaria, é a culminación dun proceso de mobilizacións (manifestacións, concentracións, debates públicos, resolucións e pronunciamentos en plenos municipais, etc.), desenvoltas en numerosas localidades e áreas sanitarias de toda Galicia durante os últimos meses, que leva tempo en marcha e que supón un enorme movemento participativo, inédito na nosa Comunidade Autónoma (e probablemente no Estado), dado o grao de unidade e o enorme nivel de participación, intensidade e extensión.
A causa de todo iso é a situación da Atención Primaria en Galicia, sometida a recortes de recursos orzamentarios e humanos, desde fai 12 anos, o peche de centros periféricos, as barreiras de acceso á atención, a hexemonía da consulta telefónica en detrimento da presencial, as listas de agarda de días e semáns, as colas nas portas dos centros, a precarización das condicións laborais do persoal (sometido a unha situación de inestabilidade e sobre -demanda sen substitucións por ausencias ou baixas laborais que se multiplicaron durante a pandemia). A promoción, prevención, rehabilitación, atención á cronicidade, asistencia a persoas maiores en residencias, a formación e a investigación: son imposibles neste degradado marco.
As dificultades para acceder á asistencia esta favorecendo o crecemento do sector privado (que oferta seguros de baixa calidade que non cobren as necesidades asistenciais de quen os contrata) e a saturación dos servizos de urxencias.
Os orzamentos para o próximo 2022, reflicten unha redución do gasto en AP do 2% que ve recortados os investimentos nun 37%, a construción de novos centros nun 4%, o equipamento nun 50% e as reformas, ampliacións e melloras nun 72%. É dicir, a Xunta de Galicia non só non incrementa os recursos para afrontar esta situación, senón que os recorta aínda máis.
A Atención Primaria non só é a porta de entrada, senón que é o eixo sobre o que descansa todo o Sistema Sanitario Público. O seu desmantelamento abriría o proceso de privatización da sanidade pública, que tanto anhela a actual administración de Feijoo..
Esta Manifestación que comezará ás 12 da mañá na Alameda de Compostela, non supoñerá o fin das mobilizacións... senón un punto de inflexión para facelas máis potentes e xeneralizadas, ata conseguir un cambio de política da Xunta de Galicia e salvar unha Atención Primaria accesible, equitativa, continuada, integral e solidaria.