A fundación de La Voz de Galicia salpicada pola campaña de erosión da dereita contra PSOE e Podemos
O seu vicepresidente, Roberto Blanco Valdés, participou activamente nas dúas grandes campañas da asociación de Álvarez de Toledo, xunto co ex rexedor coruñés Paco Vázquez.
- Alumnos da USC protestan contra tres profesores que asinaron un manifesto antirreferéndum
- Unha tese conclúe que La Voz fomenta a desinformación sobre o independentismo galego
Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 22:00
Blanco Valdés e un dos activos participantes nas campañas de Libres e Iguales, unha asociación posta en marcha pola ex número dous do PP, Cayetana Álvarez de Toledo, para atacar determinadas medidas do actual Goberno central. As máis mediaticas, ata agora, foron o vídeo de defensa do monarca español e unha colecta pública para pagarlle a Álvarez de Toledo o recurso ante o Tribunal Constitucional para que o Congreso non retire a súa expresión de que Pablo Iglesias é "fillo dun terrorista".
Na primeira campaña participaron 183 personaxes de distintos eidos cun 'Viva el rey', 'Viva la Constitución' e 'Viva España', entre eles, o expresidente do Goberno Mariano Rajoy e líderes de partidos como Pablo Casado, Inés Arrimadas ou o ultradereitista Santiago Abascal. Tamén aparece Blanco Valdés. "Viva la Constitución, Viva la Democracia, Viva el Rey", berra o vicepresidente da Fundación Fernández Latorre. Neste vídeo tamén o acompaña o ex alcalde da Coruña, Paco Vázquez, moi vinculado tamén durante anos ao xornal coruñés.
"FILLO DUN TERRORISTA"
Os dous tamén participan na outra campaña e asinan un manifesto que sostén que a expresión "fillo dun terrorista", referida a Pablo Iglesias, é verdadeira e que "a verdade non atenta contra o decoro parlamentario".
"O fundamento do seu recurso é que un feito obxectivo, constatable e até asumido de modo orgulloso por pai e fillo non pode ser tachado de opinión que afecte o decoro parlamentario", di o comunicado. Advirte, ademais, de que "cando un feito vergoñoso adquire o estatuto de opinable, queda o camiño libre cara ao seu definitivo borrado da Historia", é dicir, "o negacionismo".
MOI CRÍTICO CO INDEPENDENTISMO E NACIONALISMO
Nos artigos que Blanco Valdés publica en La Voz de Galicia tamén se denota a súa teima con Pablo Iglesias e Pedro Sánchez. Tamén son recurrentes as súas teimas contra o independentismo e o nacionalismo, especialmente, durante o proceso de referendo en Cataluña. Blanco Valdés tamén foi moi crítico cos nacionalistas e independentistas en Galicia, o que provocou que fora vítima dunha sabotaxe na súa vivenda.
De feito, La Voz converteu o incidente nunha gran campaña de autopromoción e mobilizou todas as súas plumas, incluída a do editor, tal e como recolle Helena Domínguez na súa tese 'A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa'. Previamente, Blanco Valdés, e a propia Voz de Galicia foran moi críticos co goberno do bipartito, especialmente, co nacionalista Anxo Quintana ao que adicaron duras portadas. Unha posición que, agora, polo momento, non manteñen coa actual dirixente, Ana Pontón.