Imprimir

Sr Feijóo como Usted non o fixo para favorecer a DomusVi O TSXG obriga a residencias privadas a informar sobre falecementos de persoas usuarias por COVID-19

Información
Hoy es noticia | 24 Mayo 2022 | 734 votos

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que un xornalista ten dereito a acceder á información do número de contaxios e falecementos por COVID-19 ou síntomas compatibles con esta doenza entre persoas usuarias de residencias privadas de maiores de Galicia, desagregado por centros, entre o 1 de marzo e 30 de abril de 2020. O alto tribunal galego avala, desta forma, a resolución da Consellería de Política Social da Xunta pola que se concedeu o acceso a eses datos, a cal foi recorrida polas residencias, as cales se opoñían a facilitar esa información.

 

Neste caso, segundo a Sala, debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral en coñecer, tamén no campo do sector das residencias privadas de maiores, a eficacia na xestión da pandemia da COVID-19, como medio de fornecer á cidadanía de elementos que podan conformar unha opinión pública libre, algo ineludible para a boa saúde democrática de calquera país.

 

A Sala destaca que eses datos foron recollidos pola Consellería de Política Social “en exercicio das súas funcións” e que, por tanto, teñen “a natureza de información pública que lle atribúe o artigo 13 da lei estatal e o 24.1 da lei galega”.

 

Os maxistrados rexeitan na sentenza que o acceso á información solicitada vulnere o dereito á protección de datos de carácter persoal das persoas usuarias das residencias, tal e como alegan as empresas recorrentes, pois salientan que “os datos solicitados están completamente disociados de ningún tipo de información, de maneira que non resulta posible dese só dato numérico identificar a persoa ningunha”.

 

En canto á lesión da honra, a intimidade e a propia imaxe das persoas contaxiadas e/ou falecidas alegada polas residencias privadas, o TSXG subliña que “non se pode vulnerar ningún destes dereitos se non se asocian nomes e doenzas ou falecementos”. No relativo á afectación da honra e a propia imaxe das empresas, a Sala considera que “non pode vulnerar a honra dunha mercantil a difusión pública de datos reais e estatísticos sobre a incidencia da pandemia en cada un dos centros”.

 

Ademais, os maxistrados explican que, en realidade, as demandantes reprochan “que os datos van ser emitidos descontextualizados ou non explicados, o que pode levar á cidadanía a formarse unha opinión equivocada sobre a forma de xestión da pandemia no centro”. A Sala destaca que eses mesmos datos xa foron ofrecidos en relación ás residencias públicas, “polo que a información estatística desagregada só completa o mapa territorial e situacional pretendido pola normativa en base á cal se produciu a recollida de datos”. Por iso, conclúen que non publicalos “deixaría ás entidades privadas nunha inxustificada situación de opacidade, que tamén podería dar lugar a especulacións sobre as razóns de non facelo”. A Sala conclúe na sentenza que o interese público “resulta prevalecente sobre a limitación por motivos privados de interese económico propostos polas empresas”.

 

“Non pode descoñecerse que dificilmente se pode concibir asunto sobre o que exista un maior interese público que xustifique transparencia na actuación e o acceso á información que a xestión da pandemia, pola convulsión social que produciu, os danos persoais e o sufrimento que ocasionou, así como a limitación de dereitos e liberdades e perdas económicas que supuxo”, recalca o tribunal no fallo, no que asegura que, neste contexto, “non é admisible que un interese particular de determinadas residencias privadas de carácter económico non correctamente acreditado, fundado en que a cidadanía poida relacionar unha hipotética falta de dilixencia na xestión da pandemia nos centros co número de contaxios e falecementos, deba impoñerse sobre o dereito a coñecer os datos, que en si mesmos están desprovistos de toda connotación ou valoración e cos que se pretende render contas da xestión administrativa da pandemia”.

 

Ademais, engade que non se debe esquecer que as residencias privadas de maiores foron declaradas operadores dos servizos esenciais “cos efectos previstos no artigo 18.2. do Real Decreto 463/2020, da eficacia das medidas adoptadas, así como o destino dos cartos público”.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 734