Tomiño, 28 de marzo de 2022.- Gran debut para o deportista do Club Atletismo Trega de Tomiño Álex Sierpes Pereira, que conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España Indoor sub16 na proba dos 3.000 metros de pista cuberta celebrado a pasada fin de semana na cidade catalá de Sabadell.
O novo atleta estreábase en probas individuais nun campionato estatal de pista cuberta, no que se enfrontou aos 21 mellores especialistas de toda España por orde de marcas do ranking nacional. E facíao acadando un inmellorable resultado, facendo un rexistro de 9’01’38’’, quedando a tan só 21 centésimas da prata e a pouco máis dun segundo do ouro, afrontando toda a carreira nos postos dianteiros e cedendo metros só na parte final da proba a pesar de levar máis dun mes con molestias físicas a causa dun fallo biomecánico da pisada que non lle deixou afrontar con plenitude o último tramo da súa preparación.
Dende o Concello de Tomiño queremos transmitir os parabéns a Álex Sierpes por ese debut impecable na categoría e desexarlle unha pronta recuperación total para afrontar o último tramo da tempada nas probas de aire libre.