Desde o BNG da Laracha queremos denunciar o destrozo dun camiño durante a realización dos traballos de retirada da madeira dun monte. En concreto trátase dun camiño que se atopa na estrada que vai desde onde remata o lugar de Requesende (na estrada da Laracha á Xesta de Soutullo) cara a Ferrulleira (Coiro), xusto o primeiro camiño que hai á man esquerda nesa estrada. Como se pode apreciar nas fotos adxuntas, o camiño quedou completamente destrozado de feito que resulta imposíbel o acceso ás leiras por parte dos propietarios mesmo cos tractores, xa que hai afundimentos de máis dun metro de altura.
Desde o grupo municipal do BNG demandamos que o goberno municipal adopte as medidas oportunas para a reposición do camiño, que inste de xeito inmediato aos responsábeis de semellante desfeita á reparación e, de non facelo, que se incaute a fianza depositada para facer fronte á reparación desde a propia administración, sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan en aplicación da ordenanza municipal.
A Laracha, 6 de marzo de 2021
Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,
Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha