A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos e asistencias de menores ás consellerías de Educación e Asuntos Sociais da Xunta de Galicia e, mentres duren as negociacións, demanda un novo convenio que garanta a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos destes centros. Así o aprobou hoxe o pleno da Deputación cos votos a favor de PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica e a abstención do Partido Popular.
A pesar de que goberno galego ten competencias plenas en materia de ensino e servizos sociais, a Deputación da Coruña ten a titularidade de dous centros de ensino secundario e Formación Profesional e de centros como o Fogar Infantil da Coruña e o Centro de Día de Menores de Ferrol aos que destina cada ano un total de 14.055.116,6 € dos seus orzamentos, fronte a unha achega da Xunta de 898.902 euros.
Estes son os datos nos que se basea a moción presentada polo Goberno da Deputación, integrado por PSdG-PSOE e BNG, que propón iniciar a transferencia dos centros educativos e asistenciais e, mentres se desenvolven as negociacións, formalizar un novo convenio que garanta por parte da Administración autonómica a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos dos centros.